Anxa Correa. AGN (Santiago).
Malos tempos para os vellos escenarios. A falta de rendibilidade das salas de teatro e cine tradicionais puxeron terra sobre moitos locais que foron unha importante fiestra cultural durante o século XX.
Algúns deles pecharon e permanecen abandonados, como o Cine Avenida, de Santiago, ou os cines Ronsel ou Plata de Vigo. Outros venderon o espazo para a súa reconversión en edificios ou en establecementos máis lucrativos. En Santiago, comezou coa transformación do Cine Metropol nun bloque de apartamentos. Na Coruña, os Cines París retomaron a súa actividade anterior a 1908 trala adquisición por parte de Inditex: o comercio da moda.
O profesor de Historia do Cinema da Universidade de Santiago, José María Folgar, sinalou o caso do Salón Varietés de Vilagarcía de Arousa, "o máis antigo dos que existían en Galicia", e que agora é un bloque de vivendas.
O momento de esplendor dos cines en Galicia chegou despois do ano 1910. Os "pavillóns" comezaron a estabilizarse daquela e os empresarios comezaron a construír grandes salas, que hoxe están en ruína ou desaparecidos. Outro dos espazos especializados en exhibición cinematográfica eran os teatros románticos, ó estilo do Teatro Principal compostelán, pero ademais outros locais e baixos comerciais proxectaban películas.
Así, nos anos 40, o baixo da rúa do Vilar 51-53 pasou de ser unhas oficina de Correos a converterse no primeiro "cine de postín" da capital galega. É a mítica Sala Yago, que nas últimas semanas saltou ós medios de comunicación ó anunciar o seu peche á finais do mes de xuño.
Rexurdir
Coa chegada dos multicines, o público foise dispersando e ó tempo, as salas quedaban sen dereitos de proxección das películas de estrea. A crise do cine foi para Rey "o único motivo polo que nolo alugaron a uns titiriteiros".
Cachirulo estableceu no ano 2000 un contrato coa empresa de cine que tiña alugada a sala para ofrecer funcións os domingos pola mañá. As funcións foron ampliándose, mentres a empresa de cine desaparecía. Xunto con Teatro do Noroeste, a Yago deseñou unha programación que incluía espectáculos de teatro, títeres e proxección de cine en versión orixinal.
Ao tempo, organizaron dende a sala iniciativas como o festival de títeres 'Galicreques', así como a produción e exhibición de espectáculos de teatro contemporáneo.
Segundo a actriz de Teatro do Noroeste Luma Gómez, nos últimos anos "conseguírase estabilizar o público e tiveramos unha suba de espectadores importante". Para o profesor Folgar de la Calle trátase, sen dúbida, dun dos poucos intentos de reorientar a actividade cultural dun vello cine, aproveitando o seu valor histórico, as súas instalacións e ubicación. "Tiñamos moitas expectativas aínda, e quedan frustradas", láiase Luma Gómez, ao igual ca o profesor Folgar, quen botará de menos as sesións de cine en versión orixinal.
"Un dos atractivos de Santiago son os locais con solera e están desaparecendo todos; habería que loitar por mantelos, porque é patrimonio", enfatiza Rey, quen alega que "se hai cartos para a Cidade da Cultura, tamén os hai para a Yago".
Futuro
Á espera dunha acelerada decisión política que impida que se perda un espazo de exhibición escénica en Santiago, a Sala Yago programa os que probablemente sexan os seus últimos espectáculos. 'Perón, Perón', de Ainternacional e 'Do, re, mi, Mozart xoga aquí' de Cachirulo, encherán o teatro esta fin de semana.
A compañía Novedous Teatro pechará con 'Fóra de xogo' a programación da Sala, que prepara unha festa de despedida para o vindeiro día 27 na que participarán xentes do teatro, do cine, da música e da literatura.
Teatro do Noroeste e Títeres Cachirulo pecharán coas portas do Yago "un paréntese ilusionante e moi positivo" e trasladarán o material ós seus respectivos locais.
(Vídeos: Nacho Sánchez/David Cabezón. AGN)
28/05/2007