Xeración.
O Congreso dos Deputados aprobou unha proposición non de lei de IU-ICV para que o Goberno central colabore coa Xunta no proceso de declarar o pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural. Todos os grupos menos o PP votaron a favor desta proposta para que a familia Franco, propietaria do inmoble, teña que abrir as súas portas aos técnicos de Patrimonio.
Con todo, a iniciativa quedou bastante máis curta do que inicialmente se presentaba na Cámara estatal. Os Deputados aprobaron tan só "colaborar coa Xunta de Galicia nas actuacións que esta lle solicite, derivadas da declaración como BIC do Pazo de Meirás".
A ambiciosa proposta inicial presentada por Izquierda Unida ía máis alá, xa que pedía ao Executivo pór en marcha todas as medidas ao seu alcance para "recuperar para o Patrimonio público todas as propiedades que recibiu Francisco Franco de forma irregular durante a ditadura".
Así, a iniciativa de IU-ICV solicitaba facer un inventario do legado do ditador que pertencese no seu día ao patrimonio público, e que o grupo valora nuns 500 millóns de euros. O PSOE votou en contra da proposición do embargo das propiedades e limitáronse a apoiar os trámites iniciados pola Xunta a respecto do Pazo de Meirás.
Implicacións da declaración BIC
Deste xeito, e se prosperan os trámites da Xunta para a declaración do inmoble como BIC, o Pazo seguirá a ser propiedade da familia Franco, coa salvedade de que estará na obriga de abrir as súas portas aos cidadáns uns determinados días e horas á semana.
A declaración de Ben de Interese Cultural tamén permite que os técnicos de inspección de Patrimonio dependentes da Xunta teñan acceso á finca para catalogar os seus bens e determinar o seu estado de conservación.
A Xunta xa iniciou os trámites xudiciais para que os técnicos de Patrimonio poidan entrar no Pazo, ao solicitar formalmente o amparo da Xustiza para que se lle permita o acceso ao inmoble. Cultura quere así "facer valer o seu dereito" de inspección ante a "obstrución" dos propietarios á entrada dos técnicos, xa que a xuízo da Consellería, a lexislación estipula que Patrimonio ten dereito a acceder ao pazo como parte do Patrimonio Cultural Galego, segundo establece o artigo 26.1 da Lei de Patrimonio de Galicia.
25/09/2007