Xeración/AGN.
Un grupo de afectados pola Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA) da comarca da Limia constitúe hoxe unha plataforma de protesta. Capitaneados polo alcalde de Xinzo de Limia, o 'popular' Isaac Vila, din estar abertos a calquera que crea que a ZEPA prexudicará a economía da bisbarra.
Protestan porque a Consellería de Medio Ambiente pretende destinar preto de 10.000 hectáreas na súa comarca a crear unha zona protexida para as aves, despois de que a Unión Europea lle 'tirase das orellas' a España pola súa laxitude á hora de concibir novos espazos deste tipo. España conta co 18% do seu territorio catalogado como ZEPA, cando este debería ser, polo menos, a terceira parte da súa superficie. Dentro do estado, o caso máis preocupante é Galicia, con menos do 3% do territorio marcado como zona protexida.
De aí que a Medio Ambiente lle entrara a presa por declarar a protección na Limia. Demasiada celeridade, aseguran os detractores do plan, que indican que non se lles pediu opinión ós afectados e que só se puideron presentar alegacións durante un mes, o de agosto. Aínda así, entre sindicatos, agricultores, grupos ecoloxistas e mesmo a Deputación ourensá deron achegado máis de 10.000 queixas.
Paralelamente, o PP pedirá no pleno do Parlamento do mércores a paralización dos trámites que se están a levar a cabo dende Medio Ambiente. Aseguran que é necesario un diálogo previo con todas as partes implicadas e acusan ó goberno de negar información acerca das limitacións que porá a ZEPA á actividade agraria.
As críticas do SLG
Ademais do Partido Popular, a outra voz pública contra a ZEPA son as agrupacións agrarias, especialmente o Sindicato Labrego Galego, que se une á denuncia sobre a desinformación, e protestan ademais polas consecuencias negativas que aseguran que terá a declaración para os agricultores, baseadas en observacións doutros lugares do Estado.
Así, entre outros moitos inconvenientes, sinalan que a ZEPA suporá "un serio perigo" para Plan de Regadío que se está a tramitar, "criminalizará" o verquido de residuos sólidos e líquidos procedentes de explotacións agrícolas e gandeiras, obstaculizará o acceso á zona en época de aniñada das especies, e imposibilitará a apertura e limpeza de camiños, ademais da instalación de valados e novas edificacións en chan rústico.
A pesar destas críticas, o sindicato labrego é partidario de abrir unha mesa de negociación, que deixe claro que vai supoñer este plan para a comarca da Limia, e como se pode facer compatible a protección das aves e os intereses dos labregos.
Non hai protección completa para as aves
Algunhas asociacións ecoloxistas, como Verdegaia, tamén atoparon razóns para criticar a ZEPA, aínda que por outros motivos. Consideran que a área é insuficiente para unha protección completa das especies que nela habitan. Ademais, venlle pouco sentido á proposta de Medio Ambiente, que prevé tres superficies illadas entre si, separadas por zonas desprotexidas.
No mesmo camiño atópase a Sociedade Galega de Historia Natural, que nas súas alegacións [pdf] detalla un mapa [pdf] coas zonas que considera indispensables para a seguridade de 160 especies de aves.
A política entra no debate
As tensións que xera a zona protexida vense incrementadas polas acusacións que realizan os distintos partidos e agrupacións en liza. O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, acusou ó Sindicato Labrego Galego de "ir da man de Baltar", e ó PP de Xinzo de "mentir e meter medo" acerca das verdadeiras consecuencias do ZEPA.
Dende o grupo do PSOE na Deputación de Ourense tamén se lle apón ó alcalde de Xinzo que só defende os seus propios intereses, concretamente os seus negocios en produtos fitosanitarios, fortemente regulados nas áreas protexidas. Isaac Vila, pola súa parte, pídelle a Manuel Vázquez e Anxo Quintana que leven a ZEPA para os seus concellos de orixe, se tan boa é.
Posta en valor da pataca da Limia
Medio Ambiente e algunhas organizacións como Adega afirman que a ZEPA non debería prexudicar ós agricultores, e mesmo podería converterse na súa salvagarda cando a Unión Europea deixe de subvencionar a agricultura tradicional, o que probablemente sucederá coa reforma da Política Agraria Común que xa está no forno.
Ademais, a regulación que acompaña a declaración de zona protexida pode supor un cambio de percepción na pataca da Limia, ó identificala cunha zona de alto valor ecolóxico na que se impide o uso de produtos químicos non autorizados.
26/09/2007