Datos de interés

  • Sábado 04.07.2009

Acordo da UE dos 27

Nace o Tratado de Lisboa sobre o papel mollado da Constitución


Etiquetas: UE, Lisboa, Portugal

Xeración/Axencias.

Pasadas as dúas da madrugada, o primeiro ministro de Portugal, que ocupa a presidencia rotatoria da UE, anunciaba o acordo. Como se esperaba non houbo demasiados obstáculos para sacar adiante o que xa é o Tratado de Lisboa, un texto de mínimos que tentará sacar a Unión Europea da parálise institucional na que quedou tralo fracaso da Constitución Europea.

Foron case sete anos de conversas e fracasos, para que os líderes da UE selasen un acordo que ao final ten máis valor simbólico que real, pois na práctica a súa principal función será refundir nun só texto os diferentes tratados asinados con anterioridade (Roma, Maastricht, Amsterdam, Niza...).

O novo texto asinarase en Lisboa sen supersticións, o vindeiro 13 de decembro. A continuación, iniciarase o proceso da súa ratificación nos distintos estados membros. O principal obstáculo que se presenta agora é que Reino Unido convoque un referendo, que en lugar de aprobar bote abaixo o tratado. Pese a que o primeiro ministro británico Gordon Brown nega que se vaia celebrar tal consulta, medra a presión na oposición e dentro do seu propio partido esixindo o referendo popular para o tratado de Lisboa.



Obstáculos solucionados
As principais diferenzas que restaban para asentar este texto regulador dos 27 quedaron resoltas na sobremesa da cea. Italia deuse por satisfeita ao conseguir un deputado máis no Parlamento europeo, co que iguala a súa representación co Reino Unido pese a que non con Francia. A distribución do Parlamento europeo marcarase definitivamente en decembro e ao final estará constituído por 750 deputados máis o presidente, que non se inclúe no cómputo de escanos que se propuña ao principio, co que se lle pode dar este deputado adicional a Italia. Así, Francia queda con 74 representantes, Italia e Reino Unido con 73.

En canto a Polonia, tamén cedeu nas súas pretensións a unha fórmula descafeinada de consenso. A súa petición inicial era que o Tratado incluíse o Pacto de Ioannina, permitindo que unha minoría de países poida atrasar unha decisión coa que non estean de acordo, mesmo se non contan cos votos suficientes para bloqueala. Isto foi substituído por un protocolo que garante que non se eliminará este compromiso.

Varsovia conseguiu ademais un avogado xeral ante o Tribunal das Comunidades Europeas de Luxemburgo, privilexio só doutros cinco países ademais de Polonia: Alemania, Francia, Reino Unido, Italia e España.

O último escollo que se solucionou foi o momento no que o máximo mandatario da UE en materia de Política Exterior, Javier Solana, asumirá unha dobre función. O acordo deixa aberta a posibilidade dun período transitorio para que Solana poida asumir  o seu cargo como vicepresidente da Comisión Europea, por un lado, e como Alto Representante da UE e secretario do Consello, por outro.

Tratado descafeinado
O presidente en exercicio da UE, José Sócrates declarou ao remate da reunión que "Europa sae deste cumio máis forte para facerlle fronte aos desafíos globais, para asumir o seu papel no mundo. Amosa que o proxecto europeo se move e que a UE está preparada para mirar con confianza cara ao futuro".

Optimistas e fermosas palabras que amosan o fundamental deste acordo: amosarlle ao mundo que a UE sae da parálise institucional, que avanza, pero sen indicar un só lugar concreto de cara a onde vai.

O Tratado de Lisboa asina a acta de defunción da Constitución europea, que con todas as súas eivas resultou ser un texto demasiado ambicioso para a construcción da UE. No novo texto non aparece ningunha mención a nada que lembre remotamente a unha cesión de soberanía: nada de símbolos (mesmo se a bandeira, himno e moeda seguirán presentes no día a día), nada de Ministro de exteriores (Alto Comisionado, non molestemos ós británicos) e nada de constitución (a palabra “tratado” é máis que suficiente). Simplemente a un acordo de mínimos.

Puntos chave do Tratado de Roma

  • Enmenda os dous tratados que conservará a UE: o Tratado da Unión Europea, e o Tratado do funcionamento da UE
  • Crea o cargo de Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, que será ao mesmo tempo vicepresidente da Comisión
  • Desaparece o veto en ámbitos como o asilo, a inmigración, a cooperación xudicial e policial
  • Aumenta o poder lexislativo do Parlamento
  • Non inclúe a Carta Europea de Dereitos Fundamentais, só unha mención a que dito texto é vinculante. Con isto, Reino Unido e Polonia conseguen aclaracións e restriccións da aplicación da Carta no seu territorio.
  • Recoñece a iniciativa lexislativa popular: un millón de cidadáns fan falta para facer unha proposta
  • Recoñece a posibilidade aos Estados de abandonar a Unión
  • A Comisión europea integrará a dous terzos dos membros a partir de 2014, non aos 27 paísese representados actualmente
  • Apraza a 'dobre maioría' ata 2014

19/10/2007

4'8 (4 votos)

¿COMENTAS?

Para engadir comentarios necesitas unha conta de usuario. Podes conseguila aquí.

Se xa estás rexistrado, introduce os teus datos.

Redes sociais

Fotos

Fotos do cumio: eu2007.pt
Fotos do cumio: eu2007.pt

Buscar máis información sobre





Busca libre

Publi


xeracion web
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso